Fundamentos

AMATURI é un laboratorio de arquitecturas sexuais efémeras, unha sala de espellos na que cada quen poida ollarse e compartir o que observa.

O principio fundacional de AMATURI é a defensa do dereito a unha sexualidade propia e diversa. Aprender a mirarnos ao espello e recoñecernos, a sentirnos coma o que somos: seres sexuais únicos. Ceibarnos das etiquetas, da presión social que tanto nos condiciona e achegarnos ao noso ser máis íntimo.

Eis a nosa meta.

Ata hai ben pouco, a nosa sexualidade non era nosa. Era da Igrexa ou do Estado, pero non nosa. Os tempos mudaron mais, recuperamos a nosa sexualidade? coñecémola? somos por fin don@s dela? “Abofé, e logo de quen ía ser?”, responderíamos automáticamente.

En AMATURI non o temos tan claro. Neste tempo de tabús agochados, de atavíos invisibles , de libre mercado de identidades, a verdadeira ruptura está nun formato multipropiedade: cada un/ha de nós terá un pequeno paquete de accións, anque o accionista maioritario aínda sexa a industria (farmacéutica, televisiva, cosmética ou sexual), o Estado ou mesmo a Igrexa, que non renuncian a especular cos nosos corpos.

Con tantos pretendentes, a reconquista da nosa sexualidade, a construción da nosa identidade neste baile de disfraces é cada vez máis complexo. En AMATURI cremos que o autocoñecemento, a educación da ollada fronte ao espello, son a mellor arma para safarnos das ataduras, para empoderarnos.

Só ergueremos unha identidade con piares fortes se somos nós @s seus/súas arquitect@s e, para iso, a miúdo toca demoler; botarmos abaixo os muros para construírmonos outra vez.

Revisar os modelos sexuais únicos e librarse deses socios especuladores que tanto mal lle fan á sociedade e ao individuo en particular. Rachar con ese contrato forzoso de multi-tenencia e asumirmos o control da nosa empresa vital.

En AMATURI levamos moitos anos traballando con persoas con diversidade intelectual e cognitiva. Non sabemos canto teremos ensinado pero si sabemos canto temos aprendido. O noso método é froito dunha longa experiencia, do noso encontro co/a outr@. Traballamos de xeito grupal pero sempre cun ollo no persoal; porque cada un/ha de nós, vive, recoñece, goza a sexualidade dende o propio, o único e o diferente.