Investigación proxecto SENSO

O programa SENSO lévase a cabo no Centro San Xerome Emiliani dende o ano 2016 e está incluído dentro do programa FADAS (Formación e Apoio ao Desenvolvemento Afectivo Sexual). SENSO consiste no estudio e investigación de formas de nutrición emocional a través da estimulación sensorial. Está dirixido ás persoas con diversidade cognitiva leve que presentan boas capacidades na interacción social.

Segundo os estudos do profesor de medicina Psicosomática e Psicoloxia da Saúde, Roberto Aguado, o noso cerebro emocional está deseñado para que se produza un vínculo coas nosas persoas referenciais. Cando o noso sistema límbico identifica que as necesidades afectivas básicas están a ser satisfeitas, certifica que se pode sobrevivir e isto dálle equilibrio ao sistema. No caso contrario, cando estas necesidades afectivas fican desatendidas, temos un cerebro no que se incapacita o control cognitivo.

En SENSO partimos desa premisa. Sabemos que, para podermos intervir nun cerebro no que a emoción é a que marca as regras, cómpre incidirmos directamente nela; non abonda coa reestructuración cognitiva. Para Roberto Aguado, non sempre podemos cambiar o pensamento se antes non logramos trocar a emoción; esta “vinculación emocional consciente”, este empoderamento consiste, en palabras de Aguado, en sermos quen de facer o que sabemos que debemos facer.

SENSO pretende compensar toda esta carga emocional negativa con outra positiva; todo a través dos sentidos. Partimos da base de que as forzas biolóxicas tamén xeran experiencias emocionais, con ou sin participación cognitiva. Isto é posible grazas ao contaxio.

Para acadarmos avances na investigación serán claves as técnicas de estimulación sensorial que emprega SENSO. Temos a fortaleza de contar con profesionais especialistas cunha longa experiencia na estimulación sensorial mediante as técnicas basáis. Asemade, a psicóloga do centro sempre poderá seguir de perto a evolución das persoas participantes.